Saltar ao contido
Inicio » Blog » Tameiga presenta o Comité Consultivo do Polígono de “Monte Faquiña”

Tameiga presenta o Comité Consultivo do Polígono de “Monte Faquiña”

A Comunidade de Montes de Tameiga presenta a proposta do Comité Consultivo de Monte Faquiña ao empresariado ubicado no polígono industrial Monte Faquina, propiedade da comunidade de montes.

Na reunión constituinte celebrada na sede da Comunidade de Montes de Tameiga asistiron representantes da maioría das empresas convidadas, tanto das PYMEs como das grandes empresas. Debido ao cumprimento dos protocolos COVID nesta primeira reunión só participou a metade das empresas instaladas no polígono Monte Faquiña. Nunha segunda rolda convidaráse ao resto máis aos organismos oficiais.

A Comunidade de Montes de Tameiga agradece o compromiso da Deputación Provincial de Pontevedra propietaria dos principais vieiros de acceso ao polígono industrial. A comunidade sinala que non entenden porque o Concello de Mos negouse a participar na reunión incluso antes de que fora cursada a súa invitación, pero que convidaran ao goberno local á próxima reunión.

O Comité Consultivo do Polígono de “Monte Faquiña” ten por obxecto mellorar o diálogo entre tódalas partes implicadas na xestión do polígono industrial de Faquiña e configúrase como unha iniciativa posta en marcha pola Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga para fomentar e estabrecer cauces para un intercambio regular de impresións entre veciños, Concello, Deputación, Comunidade de Montes e empresarios, coa intención última de que eses intercambios de impresións se traduzan en propostas relativas ó funcionamento e/ou xestión do polígono industrial que, como tais, serán sometidas á consideración da Asemblea Xeral da CMVMC de Tameiga.

O Comité Consultivo do Polígono de Monte Faquiña está integrado polo Presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga, por dúas persoas representantes das empresas que teñan a súa sede e/ou delegación comercial no polígono industrial de Faquiña, por unha persoa en representación do Concello de Mos, por unha persoa en representación da Deputación de Pontevedra, por dúas persoas representantes dos veciños das parroquias na que se atopa o polígono industrial de Faquiña e por dous comuneiros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga.

As atribucións do Comité Consultivo son opinar e formular recomendacións en torno ao funcionamento e xestión do polígono industrial de Monte Faquiña. Propoñer e opinar sobre o deseño e execución de políticas, programas e actividades do polígono industrial de Monte Faquiña. Analizar o funcionamento do polígono industrial de Monte Faquiña e formular propostas para a súa mellora. Recomendar criterios e normas para lograr o equilibrio e satisfacción dos intereses de tódalas partes que participan no polígono industrial de Monte Faquiña. Formular á Asemblea Xeral da Comunidade de Montes de Tameiga as propostas que estimen convinte sobre calquera cuestión que afecte ó funcionamento do polígono industrial de Monte Faquiña ou ós intereses das partes implicadas no mesmo. E estudiar e analizar as axudas para parques empresariais que se aproben polos organismos competentes e debatir a conveniencia de solicitala súa concesión para o polígono industrial de Monte Faquiña.