● A Comunidade de Montes ratificou esta mañá o acordo co Celta, logo de que a sociedade deportiva retirase do seu proxecto a construción do “Arena”, o estadio e os aparcamentos en Tameiga.
● “É un gran éxito tras sete anos de mobilización da veciñanza comuneira: mantemos o monte comunal e protexemos ás traídas de auga de posibles afeccións”, valora o presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.
Na mañá deste domingo, 26 de xaneiro, a asamblea da Comunidade de Montes de Tameiga votou maioritariamente a prol da nova delimitación do proxecto GS360 do Real Club Celta na súa afección sobre os terreos da parroquia. A directiva chegara a un preacordo co Real Club Celta que hoxe foi ratificado polo órgano decisor da comunidade: a asamblea da veciñanza comuneira. O acordo contempla que o Celta prácticamente renuncia a ocupar o solo de Tameiga, xa que retira o pavillón “Arena”, o estadio de ata 5.000 persoas e os aparcamentos. A non ocupación dos terreos forestais de Tameiga reduce drásticamente ás afeccións a varias das traídas inicialmente afectadas.
Das máis de 70 hectáreas ameazadas polo proxecto GS360, finalmente o club vai quedar cun total de apenas 1,5 hectáreas de propiedade comuneira, das que unha hectárea corresponde á parcela que actualmente ocupa as instalacións de Viveiros Adoa. Os 5.000 m2 restantes están destinados a ampliación dun treito da estrada anexa (EP-2605) e a construír dúas rotondas.
“Para nós, é un gran éxito”, valora o presidente da Comunidade de Montes, César Lago. “Tras sete anos de mobilización da veciñanza comuneira, logramos manter o monte comunal e protexemos as traídas de auga que abastecen a unhas 5.000 persoas”. “A partir de ahora”, continúa, “imos seguir traballando para que as obras do Celta teñan a mínima afección posible tanto na cantidade de auga dispoñible como na súa calidade”.
Unha vez a veciñanza comuneira de Tameiga aprobou a proposta, a Comunidade de Montes non continuará a vía xudicial contra o Celta e o GS360 a cambio de que o club de fútbol vigués comprométese a non ocupar nunca, no futuro, terreos do monte veciñal de Tameiga.