Saltar ao contido
Inicio » Blog » O Tribunal Superior confirma que é ilegal a Cidade deportiva do Celta

O Tribunal Superior confirma que é ilegal a Cidade deportiva do Celta

A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeita o recurso de casación da alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, e confirma que a cidade deportiva é ilegal.

A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  desestima o recurso de casacióncursada polo Concello de Mos e ven de confirmar así o dictamen anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declaraba ilegal a construcción da cidade deportiva do celta en montes comunais.

A Comunidade de Montes de Tameiga declárase satisfeita ca resolución do Tribunal Superior que reafirma a ilegalidade das licenzas concedidas polo concello de Mos para a construcción da Cidade Deportiva do Celta. Lembran que o goberno local de Mos permitiu o despropósito urbanístico da construción dun edificio de case 3.000 m2 , cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construirse uns pequenos vestiarios e almacéns.

A Comunidade de Montes sinala que a cidade deportiva segue carecendo a día de hoxe  de ningunha cobertura legal, xa que está recurrido o intento de Nidia Arévalo de legalizar despois de construída a cidade deportiva mediante un Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas Deportivas.

“A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que pronto se execute a sentenza e restitúa a legalidade urbanística” declara Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Dende a comunidade de montes destacan que tamén Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga e tanto o Partido Socialista como o BNG instaron á xustiza a actuar contra este despropósito urbanístico do goberno local de Mos en montes comunais.

Ademais subliñan que “se fala sempre dunha cidade deportiva e que renunciaban ao macro centro comercial, pero no proxecto Galicia Sport 360 que presentou o presidente de Celta, Carlos Mouriño, quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construir un complexo de hoteis, restaurantes, cafeterías e xogos recreativos”. 

A xunta reitora de Tameiga parabeniza a toda a veciñanza comuneira que durante estes máis de catro anos de loita non cederon as ameazas e insultos nin a campaña de acoso mediante denuncias instigadas pola alcaldesa do Partido Popular, principal promotora deste despropósito urbanístico. Agardan que unha vez clara a ilegalidade das licencias concedidas, prospere a denuncia por prevaricación cursada contra Nidia Arévalo pola concesións destas licenzas.

“Instamos a Nidia Arévalo a que recoñeza a ilegalidade das licencias concedidas polo seu goberno e pida desculpas á veciñanza de Mos” indica Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.  A veciñanza comuneira agarda que esta sentenza serva ademais de exemplo para todos aqueles que desde as administracións pensan que poden obrar por enriba da lei e para as empresas que operan con prácticas tan pouco éticas como as do presidente do Celta, Carlos Mouriño.