Saltar ao contido
Inicio » Blog » A Xustiza volve dar a razón a Comunidade de Montes de Tameiga

A Xustiza volve dar a razón a Comunidade de Montes de Tameiga

O xulgado nº1 do Porriño desestima o recurso presentado por Nidia Arévalo contra a sentenza que absolvía aos veciños de Mos acusados por ela.

A Xustiza, por segunda vez, desminte á alcaldesa e promotora do macro centro comercial e reafirmase na sentenza: “Non houbo nin estafa, nin suplantación, nin ningún delito dos que se acusou aos veciños durante a campaña das pasadas eleccións municipais”

A Comunidade de Montes de Tameiga esixe a Nidia Arévalo que pida desculpas por todas as falsas acusación vertidas contra eles pola dirixente do Partido Popular.

A Comunidade de Montes denuncia que unha e outra vez a Xustiza arquiva as denuncias de Nidia Arévalo contra eles deixando claro que son mentiras. Así, coa desistimación do recurso, a alcaldesa de Mos e principal impulsora da operación urbanística nos montes comunais de Mos é de novo contradita pola Xustiza. Pero, advirten, ela continúa coa súa campaña de acoso aos veciños de Mos. 

Desde Tameiga lembran que esta campaña de acoso de Nidia Arévalo non lle sae gratuita a Mos. Só neste proceso, segundo declaracións recollidas en prensa, Nidia Arévalo leva despilfarrados case 15.000€ do erario público. A Comunidade de Montes sinala que sen embargo a dirixente do Partido Popular continúa malgastando o diñeiro público en poñer denuncias a todo aquel que alza a voz contra o seu  macro proxecto.

Desde Tameiga lembran que con esta suman xa catro veces: a xustiza sobreseiu as súas denuncias contra os veciños que protestaron no multiusos das Pozas, as súas acusacións contra a veciñanza que tiña pancartas nas súas casas e agora volve desmontar toda esta artimaña electoral baseada nunhas graves acusacións contra diversos integrantes das directivas das Comunidades de Traídas de Augas, da Comunidade de Montes de Tameiga, da Asociación Veciñal A Portela e contra o resto das forzas políticas que concurrian ás pasadas eleccións municipais.

A Comunidade de Montes insiste en que a alcaldesa de Mos debe pedir desculpas. Cando se ditou a sentenza absolutoria en primeira instancia Nidia Arévalo escudouse na presentación do recurso. Unha vez que a sentenza é firme xa non hai ningunha escusa para que como cargo público que representa a todos os mosenses pida desculpas públicas a quen acusou falsamente de graves delitos.