Saltar ao contido
Inicio » Blog » Novas » Novo informe desfavorable sobre o proxecto GS360!

Novo informe desfavorable sobre o proxecto GS360!

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de emitir un novo informe desfavorable sobre o proxecto GS360, pola súa afección ás captacións de auga. A entidade aclara que a documentación presentada “non analiza a dispoñibilidade da auga, o balance hídrico en situación desfavorable ou a afección das obras ás infiltracións”.

O informe subliña que “o estudo presentado non se considera válido para xustificar a non afección das obras sobre as captacións preexistentes”, uns pozos que abastecen a uns 5.000 veciños e veciñas de Mos. Ademais, a Confederación engade que o uso destinado ao abastecemento de auga é prioritario e debe ser respectado.

Por outra banda, o texto recolle que o GS360 consumiría 625.000 litros de auga ao día, un volume equivalente ao que necesitan aproximadamente 4.700 persoas, a metade dunha poboación como Salceda. A auga proviría do encoro de Eiras, que xa abastece a varias localidades da contorna, como Vigo, Redondela, Mos, O Porriño, Cangas, Moaña e Salceda de Caselas. Máis presión para a capacidade de Eiras para abastecer á poboación, que xa cuestionada en anos anteriores, especialmente durante períodos de seca.

Dende a Comunidade de Montes de Tameiga consideramos inasumible o impacto deste proxecto nos recursos naturais, tanto no consumo como na procedencia da auga, e tamén pola superficie forestal que devastaría. Lugares como o que vemos na imaxe serían devastados de ir adiante esta proyecto🌳 Temos que protexer a nosa masa arbórea, un espazo público que tamén proporciona biomasa á veciñanza e libera o osíxeno necesario para unhas 500 persoas ao longo do ano.

O proxecto GS360 busca ampliar o negocio dunha entidade privada e implicaría a expropiación de superficie forestal catalogada como rústica de especial protección, para infraestruturas duplicadas e innecesarias. A Comunidade de Montes de Tameiga amosa unha vez máis a súa firme oposición a un proxecto que non responde aos intereses dos galegos e galegas, nin á actividade futbolística do RC Celta.

#Tameiga#EspezoNatural#Auga#MedioAmbiente#GS360